Malpica ofrece múltiples opcións para activarte. ¡Toma nota!
Acuáticas: O fondo do mar de Malpica ofrece unha moi rica biodiversidade. A empresa Buceo Malpica explora a Barca de Mahé e as Illas Sisargas, entre outros lugares. Tamén as praias Area Maior e de Seaia atópanse entre as mellores da comarca para cabalgar as ondas. Silfo Surf Camp e One Surf Academy sácanlle o mellor partido. Surca organiza saidas de pesca e paseos en lancha e kayak.
Sendeirismo e ciclismo: Malpica goza de moitas sendas moi ben coidadas á beira do mar cunhas vistas únicas. O Camiño dos Faros, a ruta dos Pinos do Mar e o sendeiro de Malpica a San Adrián son algunhas delas. A Asociación Traski e Malpica Salitre organizan actividades deste tipo.
Olaría: este municipio ten un tesouro en Buño coa olaría. Conserva esta tradición de traballar o barro dende o século XVI, ata converterse, a día de hoxe, no maior pobo oleiro de Galicia. O ecomuseo Forno do Forte e as diversas tendas, son algúns dos lugares de visita obrigada. Cerámica Creare é un dos establecementos que ofrece obradoiros de creación de pezas.
Artesanía mariñeira: a vila malpicá conta cun importante número de xente dedicada ó mar. A súa actividade pode coñecerse en directo no propio porto, na nave das atadoras, na lonxa ou nas propias casetas dos mariñeiros. As atadoras, repartidas en dúas asociacións —O Fieital e Mar da Illa—, tamén imparten en ocasións talleres para coñecer de preto o seu labor, ás veces reconvertido en artesanía moderna.
Festas: Malpica conta cun amplo abanico de festas. Dende as tradicionais como son as de Corpus, de San Adrián e do Mar, ata outras máis modernas como a da Xuventude. A Comisión de Festas Estádiga aborda a maioría delas. Ben importantes son tamén a Mostra da Olería de Buño, a Galega e a Feira Medieval, entre outras moitas que se levan a cabo nas distintas parroquias.