Cabeceira contorna
Entry-header image

Contorna

Preguntácheste o por que do nome de Cabanas de Vendaval? Barizo é un territorio no que se practican dúas actividades do sector primario como son a pesca e a agricultura. No referido á primeira, conta cun pequeno porto que serve para resgardar ás pequenas embarcacións do mal mar. Anos atrás, tivo máis actividade que hoxe en día, que se concentra, maioritariamente, no porto de Malpica. Entre os profesionais do mar neste recuncho do municipio, destacan os percebeiros e os polbeiros. Outros, dedícanse a recoller golfe. Entre a xente de mar que parte do porto malpicán, predominan dous falares. «Imos pa’ vendaval», cando toman rumbo ó oeste de Galicia, pasando por Barizo, ou «Tirando pa’ nordeste», isto é, cando se dirixen á Coruña. A expresión «vendaval» débese aos fortes ventos que veñen de forma súbita dende o oeste. Se polo contrario veñen do nordeste, informan de que se achega un anticiclón.

Neste sentido, o Faro de Punta Nariga convértese nun lugar de visita obrigada. É o faro de construción máis moderna de Galicia, pois foi o último en levantarse. Vivir a posta de sol, coas Illas Sisargas ó outro lado e o mar batendo nas rocas, é un momento máxico. Tamén cando hai vento… hai que agarrarse!

Por outra parte, en Barizo predominan as grandes plantacións de cebolas, e os sitios onde probalas. Conta co único restaurante da Costa da Morte con estrela Michelin como é As Garzas; con Casa da Vasca, onde un pode darse unha boa homenaxe, e co Bar Xan, que triunfa cos seus pinchos.

O Monte da Insua e as praias de Barizo e Seiruga completan a folla de ruta a seguir por esta parroquia de Malpica. E en relación coas ondas, non te perdas o arco iris reflectido nelas. Barizo reúne todas as condicións que fan posible o colorido fenómeno sen  necesidade de que interveña a choiva. Pero o municipio ofrece moito máis!

Lugares que visitar en Malpica:

A vila co seu porto, a Atalaia e as praias Area Maior e Canido
As Illas Sisargas
Os Muíños da Ribeira
Miradoiro de San Adrián
Olaría de Buño
Dolmen Pedra da Arca
Casa do Pescador
Praias As Torradas, Os Riás, San Miro, Seaia, Beo e As Sisargas
Torres de Mens
Croa do Castro
Igrexa de Santiago de Mens

A maiores, a localidade de Malpica está situada a un paso da cidade da Coruña e a outro de Santiago, polo que as opcións de goce vólvense infinitas!